martes, 11 de agosto de 2009

Alternativas da fusión das caixas galegas: CAIXA GALICIA - CAIXANOVA

A Feijoo só lle restan, agora mesmo, dúas opcións alternativas á da fusión das dúas caixas galegas: ou permitir unha absorción selvaxe comandada desde Madrid, ou tentar unha solución cosmética que lle permita salvar os mobles. A primeira opción representaría a destrución de entre 1.500 e 2.000 postos de emprego directos (os indirectos son incalculables); o desatendemento dunha importante parte da poboación, sobre todo no rural; e, acima de todo, o translado da sede da nova entidade a Madrid. Sería unha mera repetición da desgaleguización de Fenosa, practicada no ano 1982, e que permitiu o expolio (non é esaxeración terminolóxica) dos nosos recursos naturais; a creación dun desequilibrio enerxético no cal Galiza ten un papel deficitario a pesar de ser exportadora neta, debido á introdución de perversos instrumentos financeiros no mercado eléctrico; e a detracción de plusvalías cara ao exterior, como demonstra o feito de que Unión Fenosa fose a compañía máis rentable da Bolsa de Madrid durante as dúas últimas décadas, até que recentemente a catalá Gas Natural tomou o control da eléctrica.
A segunda opción, a da solución cosmética –que é a nosa aposta particular de futuro– consiste en facilitar a absorción de facto de Caixa Galicia por CajaMadrid (non está claro que a CAM teña auténtico interese en unirse á operación), pero mantendo a dirección en territorio galego. Non está clara a fórmula xurídica á cal se recorrería para arbitrar esa solución, pero en termos económicos a denominación está clara: Caixa Galicia pasaría a ser unha filial, ou o branch dun holding con sede en Madrid, baixo a dirección do PP estatal. Pero ese é outro asunto, do que falaremos máis estensamente en breve; antes diso, vexamos como se poden facer as cousas ben.
En definitiva, os galegos estamos a asistir, unha vez máis, a un episodio crucial para o noso destino cuxa resolución se xoga fóra de casa. Á connivencia do PP estatal e do Banco de España, co apoio explícito do Ministerio de Economía e Facenda dirixido pola galega (?) Elena Salgado, únese a calculada ambigüidade de Feijoo, que desfolla a margarida entre optar polo que lle pede o corpo tecendo as alianzas necesarias para mergullar en cheo na política estatal ou cumprir coas aparencias do cargo que ostenta e articular unha solución en clave galega.
E, a todo isto, cabe facer unha pregunta tan incómoda como sinxela: é mesmo necesaria unha fusión das caixas galegas? A resposta é contundente: non para Caixanova; e, desde logo, non hai motivos suficientes para pensar que Caixa Galicia non sexa viable autonomamente, sobre todo se se procede a un relevo nas persoas e nos modos de xestión imperantes nos últimos anos. Unha vez máis, o exemplo catalán ofrece unha boa resposta: o reflotamento de Caixa Catalunya, que se encontraba hai só uns anos nunha situación ben máis delicada que a que hoxe atravesa Caixa Galicia. (Feijóomente)

No hay comentarios:

Publicar un comentario